CRTVG

Buscar

A Ribeira Sacra, Serras do Oribio e O Courel consegue ser Reserva da Biosfera

Publicado o 15/09/2021 16:48

• É o sétimo territorio galego na listaxe de protección da Unesco

 Feijóo di que pon a Ribeira Sacra no mapa mundial do turismo

EUROPA PRESS

O Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco aprobou a declaración da candidatura da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel como nova Reserva da Biosfera.   

Este recoñecemento chega tras catro anos de traballo na candidatura e entrará en vigor despois da publicación no BOE ao tratarse dunha ferramenta internacional de protección do ambiente.

Nunha sesión celebrada este mércores na cidade nixeriana de Abuja, tomou a palabra de forma telemática o secretario do Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, Francisco José Cantos Mengs, quen agradeceu a todos os membros do consello por aprobar esta nova reserva.

Segundo sinalou, con esta nova declaración, España reforza o seu compromiso co programa MaB e coa conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable. Ademais, precisou que España conta xa con 53 reservas da biosfera, que ocupan o 12 % do territorio e nas que viven case dous millóns de persoas.   

Despois da intervención do secretario do Comité Español do Programa Home e Biosfera da Unesco, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que tamén compareceu de forma telemática, agradeceu o labor de todas as institucións e persoas implicadas na aprobación desta declaración.   

A representante do Goberno galego sinalou a importancia desta decisión tanto para os 23 concellos incluídos na mesma -18 da provincia de Lugo e cinco da de Ourense, cunha poboación total de 75.000 habitantes-, como para o conxunto de Galicia.   

Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento increméntase até chegar a case o 35 % de todo o territorio, pero tamén suporá que o 42 % da comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento e a riqueza do patrimonio natural galego en todo o mundo. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mércores a declaración da Ribeira Sacra,  Serras do Oribio e do Courel como Reserva da Biosfera e asegurou que isto supón “unha lombeirada” dentro do obxectivo para que sexa declarada como Patrimonio da Humanidade.

Na súa intervención, Feijóo puxo en valor esta declaración, que permite a Galicia alcanzar a sétima reserva da  biosfera, “único galardón” concedido en España a un territorio de 300.000 hectáreas e que vai supoñer un antes e un despois para os 23 municipios incluídos na mesma.

No acto de celebración desta distinción Alberto Núñez Feijóo dixo que pon a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel no mapa mundial do turismo. Agora, lembrou o presidente da Xunta, segue o traballo para conseguir que a UNESCO declare a Ribeira Sacra Patrimonio Mundial da Humanidade.

A Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo Río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.   

Deste xeito, despois da proclamación este mércores por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo. 

Precisamente, a conselleira sinalou tamén que, con base na experiencia adquirida e tendo en conta todas as accións levadas a cabo nas outras reservas da biosfera galegas, a Xunta liderou un plan de acción que tiña como eixos fundamentais a conservación da biodiversidade, a restauración e mellora dos ecosistemas, o fomento do uso sustentable dos recursos naturais, a mitigación do cambio climático e a promoción dunha sociedade sustentable e plenamente integrada coa súa contorna.   

Na mesma liña, sinalou o carácter participativo do proxecto impulsado a finais do ano 2017 para lograr a proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un "proxecto de país", dixo, que agora toca pór en práctica e materializar.   

Por último, resaltou a necesidade de seguir apostando polo mesmo modelo participativo para pór en marcha, a futuro, un proxecto que harmonice a conservación deste territorio co seu imprescindible desenvolvemento sustentable, tanto desde o punto de vista económico como social.

Nun comunicado remitido aos medios, a Consellería de Medio Ambiente lembrou que a candidatura desta contorna culminou este mércores un longo camiño "impulsado e liderado desde o principio pola Xunta" e que se concretou a inicios do 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega.   

Despois dun longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera á Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco hai uns meses, que emitiu un informe favorable no que, ademais, felicitábaos polo traballo realizado e a "excelente" calidade do proxecto. 

Case catro anos despois de que a proposta galega botase a andar, a Xunta explica que a declaración oficial desta nova reserva da biosfera por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB entrará en vigor logo a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.

Noticias web

15/09/2021