CRTVG

Buscar

Un gromo nunha residencia de Chantada, primeiro nun mes en centros galegos de maiores

Publicado o 30/04/2021 12:59

A Consellería de Política Social acaba de confirmar un gromo de coronavirus rexistrado na residencia DomusVi de Chantada. Hai seis usuarios contaxiados, todos eles asintomáticos, e dous traballadores do centro, o que fai un total de oito persoas contaxiadas.

Os contactos entre os usuarios detectáronse durante as probas PCR aleatorias que se realizan cada certo tempo para controlar a situación destes centros. No caso das traballadoras foi necesario un cribado logo de que unha delas, que agardaba pola segunda dose da vacina, dera positivo.

O departamento que dirixe Fabiola García confirmou que todos os usuarios estaban vacinados coas dúas doses contra o coronavirus. Así mesmo, subliñou que un traballador non recibira aínda a segunda dose porque non se completara o período protocolario entre as dúas.

Esta situación rompe a serie de 14 días sen positivos nas residencias de maiores. A última alta fora a dun traballador o 15 de abril. No caso dos residentes non había positivos desde o día 1 deste mesmo mes en centros de maiores de Galicia.

Tampouco ao longo de abri se produciron mortes a causa da covid-19 nas residencias galegas.