CRTVG

Buscar

Lesmes urxe a PP e PSOE a rematar co bloqueo da renovación do CXPX

Publicado o 06/09/2021 15:27

Debería ser o derradeiro discurso de Carlos Lesmes para abrir un Ano Xudicial. Pero tamén o tiña que ser en 2018: desde entón, o presidente do órgano de goberno dos xuíces, coma o resto dos seus vogais, está en funcións. Lesmes falou de anomalía, de situación insostible, e sen citalos, instou a PSOE e PP a poñer fin ao que chamou incumprimento da legalidade.

O presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial cre que "urxe polo ben de todos que a nosa institución desapareza do escenario da loita partidista e que as forzas políticas concernidas, con patriotismo democrático e constitucional, acaden nas vindeiras semanas o acordo necesario para a renovación".

Pero o PP insiste nas súas condicións: que se reforme a lei para que sexan os xuíces e non os deputados, quen escollan a cúpula do Poder Xudicial. O executivo ábrese a falar, pero só despois da renovación. Os populares queren que sexa simultáneo.

Enrique López, secretario de Xustiza e Interior do PP, di que "nós estamos totalmente de acordo en renovar o Consello e, á vez, renovar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para cumprir co que nos está pedindo Europa".

Pilar Llop, ministra de Xustiza,  pide que "cumpramos coa Constitución, cumpramos coa lexislación, renovemos os órganos constitucionais e abramos posteriormente os debates".

Carlos Lesmes tamén aproveitou o seu discurso para criticar os argumentos cos que o presidente do Goberno xustitificou os indultos do procés: Lesmes defendeu que os xuíces non actuan por desquite nin as súas sentenzas son nunca un obstáculo para a convivencia.

 

 

Noticias web

06/09/2021