CRTVG

Buscar

A rehabilitación favorece a ocupación legal de vivendas no barrio da Madalena en Ferrol

Publicado o 09/09/2020 13:25

No barrio da Madalena, en Ferrol, transcendeu estes días o caso dun edificio que foi supostamente ocupado. A publicación da noticia creou certa alerta entre algúns veciños, porque na zona hai moitas casas baleiras. Pero de momento din que é un barrio tranquilo, onde ademais se rehabilitan cada vez máis vivendas, o cal implica a recuperación de residentes con todas as da lei: por venda ou alugueiro. 

En toda a zona histórica abundan as casas desocupadas, pero ata o de agora non se coñecían casos de ocupación ilegal. O suposto primeiro caso sería o dun edificio de catro andares, próximo a praza do Marqués de Amboage. Algúns veciños da contorna din que agora si que se ve entrar e saír xente do inmoble ás veces, pero en xeral no barrio din que non hai ningún problema. Pola contra, din que hai cada vez máis vivendas rehabilitadas e que iso fai tamén que recupere atractivo para novos residentes.

Ao fío dalgunhas experiencias, hai quen chama a atención do risco de caer nun alarmismo infundado que sospeitan que mesmo pode estar inducido por intereses comerciais. Pero a opinión máis repetida é que de momento, está tranquila a cousa.

Noticias web

09/09/2020