CRTVG

Buscar

A regulación da eutanasia foi freada no Congreso por PP e C's

Publicado o 05/04/2019 09:11

PSOE e Podemos levaron ao Congreso dos Deputados nesta lexislatura dúas propostas para regular o dereito a morrer dignamente. Ambos partidos critican hoxe que PP e Ciudadanos bloqueasen na Mesa do Parlamento esa reforma para a que, segundo eles, había maioría parlamentaria. Agora, comprométense a retomar o debate sobre a eutanasia se reeditan a maioría suficiente tras as eleccións do 28 de abril.

O presidente do Goberno declárase impresionado polo caso de María José e di que tería que evitarse. Nun chío en Twitter, Sánchez apunta que PP e C's bloquearon ata en 19 ocasións a iniciativa parlamentaria do PSOE para regular a eutanasia.

A proposta socialista contemplaba os casos de enfermidade grave e incurable e a discapacidade crónica ou irreversible que contemple un sufrimento insorportable. Nestes casos, PSOE e Podemos queren que sexa a sanidade pública a que se faga cargo, respectando sempre a obxección de conciencia dos profesionais sanitarios.

María Luisa Carcedo, ministra de Sanidade: "Se (o doente) di que vale que ata aquí cheguei, pois que ese procedemento estea perfectamemte regulado, con todas as garantías e nunhas condicións de dignidade".

Pablo Iglesias, Podemos: "España está perfectamente preparada para a dignidade e a decencia. O que fixo ese home é un acto de humanidade e non é que o poidamos indultar despois se estamos no goberno é que non debe estar detido, non debería ir ao cárcere, debería estar vivindo o seu dó con dignidade".

A proposta lexislativa non puido completar a tramitación, pero si serviu para que os partidos fixasen a súa posición na cámara. O PP é contrario e avogou por regular os paliativos.

Pilar Cortés, PP: "O que no PP cremos que debemos facer é procurar que a fin da vida conte coa calidez e a tenrura coa que conta o inicio".

E en Ciudadanos din que afrontarán o debate, pero falan duns comités de avaliación previa, que para Podemos e ERC non serían precisos.

Albert Rivera, Ciudadanos: "Se unha persoa a pesar dos paliativos decide cun comité médico, cun comité ético, con garantías, cunha enfermidade irreversible, pedir a asistencia para a eutanasia ten que telo. Polo tanto, se son presidente imos ter unha lei de eutanasia garantista e de consenso".

Bélxica e Holanda xa permiten a eutanasia, mentres a teñen aínda sen regular en Francia ou Italia. 21 anos despois do inicio do debate, polo caso do galego Ramón Sampedro, os responsables da asociación pola morte digna espera que o ano que ven sexa decisivo.

Noticias web

05/04/2019