CRTVG

Buscar

A regueifa renóvase e entra no ensino secundario grazas a proxectos como 'Enreguéifate'

Publicado o 11/04/2018 15:28

De seguro moitos de vostedes escoitaron algunha vez unha regueifa... ou non. Porque estivo a piques de desaparecer, pero agora lonxe diso está vivindo un gran proceso de renovación. Cada vez son máis os institutos que inclúen a aprendizaxe deste modo de improvisación tradicional no seu currículo.

Algúns téñena como materia opcional e outros fano a través de obradoiros como os do proxecto Enreguéifate.

"Nos obradoiros facilitámoslle ao alumnado ferramentas de rima, métrica, versificación, recursos léxicos, argumentación... para que poidan xogar coas palabras a partir do envoltorio tradicional da música e os versos da regueifa", explica Alba María, regueifeira e formadora do programa Enreguéifate, que este curso promove obradoiros para alumnos de segundo da ESO nos institutos de Santiago, Ames, Carballo e Teo. 

"A única norma é que rimen o segundo e o cuarto verso..., rima de versos pares", explícalles Josiño, outro regueifeiro que participa neste programa de formación en improvisación tradicional galega. 

"Utilizamos este recurso porque lles axuda a eles a manexar a lingua. Os rapaces sorpréndense porque non saben que é a regueifa pero si saben 'rapear', entón cando chegan din isto é como rapear pero en galego!", di Pablo López, profesor do IES Antón Fraguas de Santiago. 

"As mulleres sen dereitos... non poden montar no tren...", canta un grupo de alumnos do obradoiro. 

"Creo que o máis importante que está pasando na actualidade é o feito de que a regueifa empece a conter moitos discursos, de que as mulleres subamos ao escenario por primeira vez en toda a historia da improvisación", remarca Alba María. 

"A min non me gusta isto..., a revolución empeza, vai gañar o feminismo", replican regueifando unhas alumnas.

Noticias web

11/04/2018