A reforma do sector das electrointensivas que prepara o Goberno beneficiará máis empresas
O Goberno en funcións calcula que o recibo da electricidade para as grandes industrias se reducirá un 20% coa entrada en vigor do Estatuto de consumidores electrointensivos, que agardan aprobar cando se forme o novo Executivo.
De momento hai un borrador que aumenta o número de empresas que poderán optar a rebaixas no prezo da luz. Das 120 actuais pasarían a ser 276 en toda España, segundo unha información da Comisión Nacional dos Mercados á que tivo acceso Faro de Vigo. Cataluña sería a comunidade onde máis aumentan, de 16 empresas ata case 50, seguida de Andalucía, con 44, e Galicia quedaría en sétima posición con 18 empresas beneficiadas fronte ás 13 actuais, nas que destaca Alcoa San Cibrao.
A Xunta reclama máis información sobre ese futuro estatuto. Lembra que en Galicia hai 5.000 empregos directos nas empresas electrointensivas que dependen das bonificacións ao consumo eléctrico.