CRTVG

Buscar

A redución de ocupación e o inicio dos exames desbordan as bibliotecas das universidades

Publicado o 13/01/2021 15:08

As bibliotecas das universidades galegas están desbordadas. O inicio dos exames e a redución das ocupacións a un terzo da súa capacidade polos protocolos anticovid están a provocar que sexa moi complicado atopar sitio para estudar. Os estudantes din que hai colas dende primeira hora da mañá e que é complicado atopar sitio.

A redución de ocupación para cumprir coa distancia de seguridade non é a única medida que deben cumprir os estudantes para evitar contaxios. Din que amais da distancia de seguridade teñen que utilizar a máscara, teñen un sitio asignado, rexistran tanto as entradas como as saídas e deben desinfectar o lugar que ocupen unha vez que o deixen libre.

Os universitarios aseguran que prefiren estudar aquí porque se senten seguros. No que non concordan é en ter que facer os exames de forma presencial; din que se xuntan demasiados estudantes e que non ten lóxica facer exames presenciais cando a maioría das clases foron a través de Internet.

Dende a Xunta defenden que as aulas son os lugares máis seguros de Galicia. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, lembra que durante os exames se van habilitar varias aulas para repartir o alumnado e garantir as distancias de seguridade. Di tamén que se controlarán tanto os accesos como as saídas dos centros para evitar aglomeracións.

Noticias web

13/01/2021