CRTVG

Buscar

A Rede Galega do Patrimonio pide que se promova vinculándoo co lugar e coa xente

Publicado o 16/11/2020 15:39

No Día do Patrimonio, as entidades que forman parte da Rede Galega piden que tanto a investigación como a promoción do legado histórico se faga vinculando a xente do lugar. Un exemplo disto é o proxecto Adegas da Memoria, unha investigación que avala a petición de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra.

Para aspirar a formar parte da lista de lugares singulares do Patrimonio Mundial da Unesco, a Ribeira Sacra ten que acreditar unha rigorosa documentación sobre as orixes desta paisaxe que aínda garda moitos misterios para os investigadores.

"Imos á procura de dúas cuestións fundamentais; a primeira é cando xurde a paisaxe vinícola e despois onde se atopa un mosteiro perdido, que é o mosteiro de San Martiño de Piñeira", di Xurxo Ayán, arqueólogo, investigador da Universidade Nova de Lisboa e responsable da investigación Agedas da Memoria.

Cada vez parece máis claro que o mosteiro perdido estaba no val do Frade, na Pobra do Brollón, unha conclusión á que os investigadores chegaron grazas á axuda dos veciños de Vilachá.

"Estannos amosando toda esa paisaxe antiga, cristianizada na Idade Media e son os veciños os que nos levan aos xacementos arqueolóxicos", recalca Xurxo Ayán.

O papel da veciñanza

Esta implicación cidadá é un dos requisitos para poder aspirar ao recoñecemento da Unesco. No organismo internacional consideran que iso é clave para asegurar o respecto e a pervivencia do patrimonio en calquera lugar do mundo.

"É fundamental a promoción do patrimonio vencellado ao lugar e a xente para xerar conciencia patrimonial e protexer este legado cara o futuro", di o arqueólogo.

Este enfoque aplicado en Adegas da Memoria será o centro dunha das actividades organizadas pola Rede Galega do Patrimonio para celebrar o Día do Patrimonio deste ano.

Por mor da pandemia, nesta ocasión a programación será sobre todo en liña e poderase seguir no Facebook da Rede e na canle de YouTube Roxin Roxal.

 

Noticias web

16/11/2020