CRTVG

Buscar

A Garda Civil reconstrúe o accidente de Palmeira en que morreu unha parella

Publicado o 24/09/2019 14:48

Esta mañá, desde as 11:30, integrantes do ERAT da Garda Civil (Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico) desprazados desde Madrid realizan a reconstrución do accidente ocorrido en Ribeira o pasado 4 de maio, en que faleceu unha parella que bateu de fronte contra outra condutora.

Unha reconstrución que estaba prevista onte, e que debido ao mal tempo tivo que ser adiada.
Ata aquí, ata este punto da comarcal, no límite entre Ribeira e A Pobra desprazáronse axentes especializados da Garda Civil de Tráfico de Madrid.
Tratan de reproducir as circunstancias exactas do accidente e trasladalas ao xulgado nesta fase de instrución. Parte das conclusións será saber cal dos dous vehículos implicados foi o que invadiu o carril contrario, provocando o impacto frontal.
Recordemos que neste sinistro morreu unha parella que viaxaba nun turismo, ían direción á Pobra. O outro coche implicado conducíao unha muller, de 45 anos, que quedou ferida grave. Ela viaxaba dirección Ribeira.
A familia da parella falecida preséntase como acusación e solicita a imputación para a outra condutora, por dous delitos de homicidio, outro por condución temeraria e condución baixo os efectos do alcol e substancias psicotrópicas. A fiscalía pola súa banda non pediu o ingreso en prisión. Tras a súa declaración inicial, o xuíz instrutor decretou a posta en liberdade con cargos.

O sinistro producírase na saída dunha curva, na estrada que une Ribeira e A Pobra, en Palmeira. Abraham, de 29 anos, e Sara, de 28, volvían de visitar a familia e dirixíanse á Pobra. Bateron de fronte co BMW de gama alta que conducía Pilar Fernández, de 45 anos e veciña de Aguiño. A parella faleceu no acto. Pilar quedou ferida e trasladárona ao hospital. Deu positivo en alcol e en tres substancias psicotrópicas. 

Despois da súa declaración nos xulgados, a condutora quedara en liberdade, aínda que investigada por dous supostos delitos de homicidio, un de condución temeraria e outro máis por conducir baixo o efecto do alcol e as drogas. Daquela, o xuíz rexeitou decretar o seu ingreso en prisión, como solicitaba a acusación, pero decidiu retirarlle o permiso de conducir e o pasaporte, e tamén todos os vehículos que tivese ao seu cargo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí