CRTVG

Buscar

A recollida solidaria de tapóns axudará a investigar a enfermidade rara dun neno de Brión

Publicado o 13/03/2020 14:45

Cando Fernando e María, pais de Hugo, un neno de Brión que padece a enfermidade de Dent, decidiron iniciar unha campaña solidaria para axudar o seu fillo, non imaxinaron que os resultados serían tan bos. Hoxe, menos de dous meses despois, a empresa ODL de Valga encargouse do traslado de toneladas de tapóns almacenados na nave do GES de Padrón e que irán parar á planta de reciclaxe da Cañiza. Os fondos acadados destinaranse á asociación Asdent, que colabora na investigación desta doenza rara.

A zona cero de recollida de tapóns está no campo de fútbol da S. D. Escravitude, equipo en que xoga Hugo e onde se leva a cabo a clasificación. O éxito foi tal que cada vez son máis os colaboradores e os puntos de recollida xa se espallaron por toda a comunidade.

Tras este primeiro traslado, a campaña segue en marcha e farao de forma indefinida. No campo de fútbol da localidade xa almacenan outro bo número de tapóns que non tardarán en sumarse aos recollidos hoxe. O obxectivo é que particulares e empresas sigan colaborando, de xeito que o descubrimento dunha cura efectiva para esta enfermidade poida materializarse o antes posible.

Noticias web

13/03/2020