CRTVG

Buscar

A Real Academia Galega dedicará as Letras Galegas de 2021 á poeta Xela Arias

Publicado o 22/12/2020 21:42

O pleno da Real Academia Galega acordou este martes que as Letras Galegas de 2021 estarán dedicadas a Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), unha das voces "máis destacadas da poesía galega contemporánea". 

A pesar de que existían entidades culturais e civís, entre elas a do Concello de Ferrol, para que nas Letras Galegas de 2021 se volvese homenaxear a Ricardo Carvalho Calero pola excepcionalidade que supuxo un 2020 condicionado pola pandemia, finalmente a poesía "singular, transgresora, sincera e comprometida" de Xela Arias foi a elección da academia. 

O pleno ordinario da RAG celebrado este martes decidiu render homenaxe a unha voz singular, transgresora e sincera da xeración que renovou nos anos 80 a poesía galega en temas, estilo e forma, e ademais recoñecer o seu labor na tradución ao galego de clásicos universais e como editora.

"É unha desas voces singulares e inclasificables", sostivo a Academia sobre a elección de Xela Arias  como protagonista das Letras Galegas 2021, coa que recoñece igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra da autora.

A RAG resume a concepción da poesía por Arias como unha forma de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar, de abordar a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante o recital ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura.

Tras os seus primeiros versos a principios dos 80, en 1986 logrou ser finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio, en que a súa linguaxe rupturista anticipa a poesía da seguinte década.

En 1990 publicou Tigres coma cabalos, en que os poemas se acompañan de imaxes de corpos espidos, entre eles o seu. O seu terceiro poemario, Darío a diario (1996), dedicoullo ao seu fillo e nel aborda a maternidade cunha mirada afastada do tratamento tradicional, e finalmente, a súa última obra publicada en 2003, Intempériome, converte a desobediencia e a transgresión en palabra poética.
 

Xela Arias prestou tamén a súa voz en mobilizacións cívicas como a da marea negra do Prestige e en favor da lingua galega.

Formou parte do equipo de Edicións Xerais desde 1980 ata 1996 e traduciu ao galego desde o inglés, italiano, portugués ou castelán autores como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ao teléfono), Carlos Oroza (Caballum) ou Jorge Amado (O gato Gaiado e a andoriña Señá: unha historia de amor), entre outras.

Nos seus últimos anos de vida, tras licenciarse en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, Xela Arias foi docente nos institutos de Chapela (Redondela), Álvaro Cunqueiro e Valadares II (Vigo), A Sagriña (A Guarda), Terra de Xallas (Santa Comba), Paralaia (Moaña), Valle-Inclán (Pontevedra) e Xelmírez II (Santiago de Compostela).

O pleno da RAG elixiu tamén hoxe a profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago Ana Isabel Boullón Agrelo académica de número, polo que ocupará a cadeira baleira tras o falecemento de Xosé Luís Franco Grande.