CRTVG

Buscar

A reactivación económica centra os encontros de Feijóo con Calviño e Díaz

Publicado o 16/09/2021 15:04

O presidente da Xunta di que afronta as reunións nas próximas horas con Nadia Calviño e Yolanda Díaz co máximo interese e coa esperanza de que sexan produtivas. Porque as dúas ministras galegas, que ocupan postos de máxima responsabilidade no executivo central, teñen entre as súas competencias asuntos vitais para a economía de Galicia.

Dun lado, o reparto dos fondos europeos. Alberto Núñez Feijóo vai defender a candidatura galega: máis dun cento de proxectos de transformación industrial, e tamén pedirá unha maior implicación na súa xestión.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Necesitamos unha cogobernanza real. Non podemos acodir á Conferencia de Presidentes dicindo que vamos a xestionar de forma conxunta os fondos europeos e despois enterarnos a través dos medios de comunicación ou de decisións unilaterais gubernamentais das súas características".

E por outra banda, o xefe do Goberno galego quere abordar coas vicepresidentas de Economía e Traballo a crise que viven industrias estratéxicas para Galicia, dende Alcoa a Ence, pasando por Endesa e Navantia.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Galicia sofre unha crise industrial como consecuencias de decisións enerxéticas e medioambientais do Goberno".

Entre as propostas que debaterá o presidente da Xunta con Calviño e Díaz está un pacto de Estado por Ferrolterra, unha comarca especialmente castigada pola crise industrial.

Noticias web

16/09/2021