CRTVG

Buscar

A RAG e a Fundación Barrié crean un premio escolar para promover o léxico galego

Publicado o 05/10/2020 12:53
A RAG e a Fundación Barrié crean un premio escolar para promover o léxico galego

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié convocaron a través do Portal das Palabras o concurso Olla a palabra do día!, dirixido aos escolares de primaria e ESO, co fin de "promover a difusión do léxico galego", informou a institución académica.

O certame repartirá oito premios entre os traballos do alumnado, que terá que pór imaxes aos termos publicados na web durante o mes de outubro, de modo que cada traballo deberá centrarse nun dos temas semanais que se proporán desde este luns e até o 1 de novembro.

As temáticas serán a celebración do Día da Nena; a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero; a celebración do Samaín e o coidado do medio natural.

"O concurso pretende promover a difusión do léxico galego e, ao mesmo tempo, potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o chamado pensamento visual", indica a institución nun comunicado.

As bases do concurso poden verse aquí.