CRTVG

Buscar

A RAG alerta da perda de galegofalantes nas xeracións máis novas

Publicado o 14/05/2018 09:52

Na semana das Letras, e da nosa literatura, a Real Academia Galega fai unha chamada á cidadanía para que tome conciencia do que significa ter unha lingua e dispoñer de identidade propia. Alerta da perda de falantes nas xeracións máis novas, fundamentalmente no ámbito urbano e vilego.

Unha nai cántalle ao seu pequeno, que o vai aprender a todo.É a intención das nais e pais, aprendelos a todo desde que nacen, e falar é unha das prioridades, pero as cifras da Real Academia din que dos 5 aos 9 anos, o galego hoxe é a lingua de só un 21% dos cativos.

"Non vale dicir que agora os nenos e as nenas saben máis galego ca antes. Pois si, porque o estudan na escola. Vale se queremos converter o galego nun latín ou nunha lingua litúrxica para as cerimonias ou para sacar o día da festa na procesión. Nós queremos o galego vivo. Queremos o galego na vida e na mocidade, que o falen sen complexos. E que falen outras linguas, porque falar galego non é non falar outros idiomas". Di Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

A Mesa pola Normalización Lingüística alerta de que o 40% dos centros de Educación Infantil das cidades non usan o galego. Difícil é que o aprendan se non o escoitan ou que o manteñan se só llo falan na casa.

 "O que me preocupa é que non haxa unha política decidida e proactiva para potenciar a presenza da lingua galega nos novos, nas escolas, nos primeiros pasos escolares. E a responsabilidade de que eles aprendan, é das familias, da Administración, da escola e tamén dos medios.

E experiencias temos:"Aquel Xabarín que poñía carnés de socios para rapaciños e rapaciñas... A partir de aí ti podías montar case unha república galegofalante ao redor diso. Ese é o papel dos medios de comunicación".

E aqueles socios do Xabarín dos 90, que enchían as escolas no babyboom, son os pais de hoxe. Deles depende que o Día das Letras Galegas sexa calquera día do ano.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/05/2018