CRTVG

Buscar

A quinta vaga non dá tregua: máis de 15.000 casos activos e 200 persoas hospitalizadas

Publicado o 23/07/2021 17:06

• Sobe a cifra de positivos detectados: 1.593, a máis alta dende xaneiro

• Os pacientes ingresados superan os 200 tras dous meses e medio

Forte incremento dos contaxios novos e dos positivos, acompañados dunha repunta nas hospitalizacións en planta. Hai 15.109 diagnosticadas de covid−19, 1.146 máis ca onte.

A repartición de casos activos por áreas sanitarias:

Vigo: 3.544 (+379)

Pontevedra: 2.615 (+130)

A Coruña: 2.591 (+220)

Ourense: 2.341 (+56)

Santiago: 1.883 (+162)

Lugo: 1.498 (+134)

Ferrol: 637 (+65)

A área de Vigo segue a ser a que máis incrementa o seu número de casos activos, seguida da da Coruña. No que respecta aos positivos detectados, a área de Vigo destaca aínda máis, con 423 novos en tan só un día.

Repunta en planta

Aumenta considerablemente o número de enfermos e enfermas da covid−19 que precisan hospitalización. Hai 212 persoas ingresadas: 189 en planta (+36) e 23 nas UCI (+1). Non superabamos o limiar dos 200 ingresados dende o 10 de maio.

Estes números evidencian o efecto positivo das vacinas: ante niveis semellantes de casos na terceira vaga (mediados de febreiro), o número de persoas hospitalizadas era superior ao milleiro.

Onte o Sergas comunicou o pasamento dunha muller de 84 anos en Vigo. Con ela, o número de vítimas no que vai de pandemia no país ascende a 2.444.

Mapas de incidencia por concellos