CRTVG

Buscar

A quinta vaga xa incide nas hospitalizacións; España lidera a incidencia en Europa

Publicado o 12/07/2021 09:24

Este luns coñeceranse os datos da pandemia da fin de semana no conxunto do Estado, pero o que avanzan as comunidades autónomas non dá boas perspectivas. Repuntan contaxios, soben ingresos hospitalarios e preocupa o cambio de perfil dos doentes en coidados intensivos. España lidera a incidencia en Europa. A quinta vaga avanza, semella que imparable, impulsada polo maior contacto social e a relaxación da protección entre os mozos, aínda sen vacinar.

A quinta onda segue avanzando en España e a situación sanitaria comeza a alertar as comunidades autónomas. En Valencia, as hospitalizacións por covid−19 duplicáronse en dez días. Esta fin de semana notificáronse incrementos dos ingresos en máis autonomías, como Madrid, Cantabria ou Navarra. E Cataluña, onde alertan de que teñen doentes en UCI coa pauta de vacinación completa. Alí os contaxios continúan descontrolados, cunha idade media de 28 anos entre os novos infectados. Hoxe a Generalitat anunciará novas restricións. O conselleiro de Saúde xa se pronunciou en contra da celebración de festivais multitudinarios. Enfatizou a importancia de protexerse e de cumprir coas corentenas.

Josep María Argimon, conselleiro de Saúde da Generalitat de Cataluña, di: "Non están cumprindo coas medidas, corentena ou illamento; hai un corenta por cento de persoas que non o cumpren".

O último informe do Ministerio de Sanidade revela que os gromos con orixe no ámbito social se quintuplicaron en dúas semanas e son agora a maior causa de contaxios. Son interaccións en locais de hostelería ou ocio, ou contactos en viaxes, festas e outros eventos.

Galicia non é allea a esta tendencia, con casos como o de Boiro, onde as festas levan a localidade á súa cifra máis alta de contaxios dende febreiro. Na nosa comunidade autónoma, o número de novos casos está por terceiro día consecutivo por riba de 500, e repuntan, aquí tamén, os ingresos en planta.

Segundo a última actualización do ECDC, o organismo que informa dos datos da pandemia na Unión, España lidera a incidencia a catorce días en Europa, canda Chipre e Portugal. Por rexións, no noso estado só se libran do nivel de risco máis alto Castela-A Mancha e mais Galicia. 

Noticias web

12/07/2021