CRTVG

Buscar

A que nos enfrontamos no novo curso escolar? Analizámolo cunha psicopedagoga

Publicado o 06/08/2020 15:06

O primeiro reto será diminuír as diferenzas na evolución da aprendizaxe durante o confinamento. Non todos os alumnos puideron acceder á formación nas mesmas condicións.

"Eses nenos perderon, pero o sistema educativo contempla isto. En setembro, cando volva o cole, miraranse os puntos febles do alumnado para incidir neles", coméntanos Dolores Armas, mestra e psicopedagoga e membro de APEGA.

A volta ás aulas esixe novos requisitos. Pais, alumnos e profesores teñen que respectar as medidas de seguridade e hixiene. Dar certa normalidade a unha situación que é temporal.

"Na medida en que os pais enfoquen o problema dun xeito ou doutro, o impacto no neno será diferente no aspecto psicolóxico", di Armas. "De todos os xeitos, os nenos teñen unha gran capacidade para adaptarse ás circunstancias. Creo que cando volvan ao cole, coa axuda dos profesores todo se irá normalizando"

O fundamental é buscar o equilibrio entre o dereito á saúde e á educación e ter en conta tamén as necesidades de conciliación dos pais.

"Conxugar todo isto e que funcione perfectamente é moi complexo. Creo que se todos poñemos da nosa parte: as familias, os mestres. Se todos traballamos na mesma dirección, coidamos uns de outros, que é un novo concepto que aparece na sociedade agora, seguramente as cousas sairán moi ben".

Unha mensaxe de ánimo ante un novo curso escolar diferente.

Noticias web

06/08/2020