A publicación no BOE, último requisito para facer realidade as bonificacións na AP-9
O Consello de Ministros aprobou este martes o decreto que regula os descontos na AP-9. Esas bonificacións nas peaxes entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE.
Non hai novidades respecto ao que xa avanzara a ministra de Transportes. Será preciso ter un dispositivo telepeaxe para beneficiarse das rebaixas. Serán gratis todas as viaxes de volta no mesmo día ou nas seguintes 24 horas. E haberá a maiores unha bonificación dun 20 % para quen faga máis de 20 viaxes ao mes. En resumo, o Goberno calcula que un 19 % do total de todos os tránsitos pasarán a ser gratuítos.
Disconformidade veciñal
Os veciños de Teis, en Vigo e Chapela, en Redondela non están conformes coa rebaixa das peaxes na AP-9. Reclaman dende hai anos a súa supresión, e critican a obriga de ter que pagar a través do dispositivo de telepeaxe. Por iso as asociacións veciñais fan un chamado aos veciños a unirse a unha manifestación este xoves. A alcaldesa de Redondela di que a rebaixa aprobada non é dabondo.
Pola súa parte o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, lamenta que non se atendesen algunhas das peticións do executivo galego. A principal: que os descontos para os transportistas fosen maiores.