CRTVG

Buscar

A publicación dun borrador que pedía non derivar anciáns a hospitais abre unha lea no Goberno de Madrid

Publicado o 05/06/2020 18:02
A publicación dun borrador que pedía non derivar anciáns a hospitais abre unha lea no Goberno de Madrid

O conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, Enrique Ruiz Escudero, acusou o conselleiro de Políticas Sociais, Familias, Igualdade e Natalidade, Alberto Reyero, de "fariseísmo político" e reprochoulle que filtrara uns correos electrónicos dirixidos a el, onde advertía das consecuencias de non trasladar todos os anciáns de residencias a hospitais, como indicaba o "borrador" dun protocolo.

En canto ao protocolo, Escudero explicou que "se traballaron ata con seis borradores ata o documento definitivo, que foi o do 25 de marzo" e reiterou que "fora un erro enviar ese borrador, debido a que era unha proposta desde a Dirección Xeral de Coordinación Sociosanitaria, pero que necesitaba o visto e prace de 26 xeriatras que son os que establecen o criterio clínico definitivo de derivación".

Destacou que o protocolo definitivo permitiu realizar preto de 9.600 traslados de residencias a hospitais con "criterios clínicos", e asegurou que desde Sanidade fixeron "todo o humanamente posible por tratar de curar os nosos maiores" e que sempre se utilizou ese criterio. A continuación, valorou que "resulta sorprendente" que Reyero "faga referencia a correos persoais", e asegurou que chegaron a manter 21 reunións con Políticas Sociais, "ás cales non acudiu nin unha soa vez".

"Podería chamar por teléfono, é todo bastante máis sinxelo e non entendo a que responde o estar con este tipo de filtracións de cuestións de traballo entre conselleiros que forman parte dun mesmo goberno, pero en fin, alá cada un coa súa conciencia, e paréceme unha actitude dun fariseísmo político a verdade que sorprendente", manifestou.

En canto ás discrepancias con Ciudadanos, dixo que o que se viviu foi unha "crise importantísima" e desde o punto de vista sanitario o Goberno está a "tratar de dar a mellor resposta asistencial aos madrileños no ámbito que sexa" (residencias, hospitais e centros de saúde), polo que "aquí hai que arrimar o ombreiro e non estar sempre poñendo dificultades e poñendo inconvenientes".  


Xuíza remite ao Supremo a querela contra Ayuso pola xestión de residencias

O Xulgado de Instrución número 39 de Madrid remitiu ao Tribunal Supremo a querela presentada por familiares de falecidos en residencias de anciáns contra a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, pola xestión da pandemia nestes centros. Segundo o auto dado a coñecer este venres pola plataforma Marea de Residencias, en que se agrupan estes familiares, a titular do citado xulgado madrileño acorda incoar dilixencias previas e remitilas ao Supremo ao estar Ayuso aforada

Noticias web

05/06/2020