CRTVG

Buscar

A provincia de Ourense só ten un paso habititado dos 200 quilómetros de fronteira con Portugal

Publicado o 02/02/2021 15:05

Entrimo, na Baixa Limia, está a 9 quilómetros da fronteira, pero a máis de 100 de poder cruzala. O paso máis próximo, cara a Melgaço a través do parque nacional Peneda-Gerês, está pechado oficial e fisicamente, con penedos, precintos e barreiras, así que teñen que rodear por Feces, a 120 quilómetros, ou Tui, a 180.

Ramón Alonso, alcalde de Entrimo: "A xente opta por esperar a que pase o día 10 e que, a partir de aí, se poida restablecer un pouco a normalidade".

José, de Celanova, reparte pan e penso para o gando nas aldeas da serra portuguesa de Castro Laboreiro. Hoxe, vai esperar os clientes na fronteira.

Jose Antonio Arias, panadeiro: "Temos que parar a metade de camiño ou que veñan os clientes á fronteira e pasar as cousas dun coche para outro, como antigamente".

O peche deste paso baleira as rúas de Entrimo e os escasos negocios operativos na zona: farmacia, carnicería e supermercado: "Pola semana, ás tardes, baixan bastantes. E os días de feira moitos máis, claro". "Nós aquí, cos portugueses, vémonos todos os días e agora, cos peches, nada de nada".

Tamén separa familias nuns concellos transfronteirizos onde son frecuentes os matrimonios mixtos.

"Coa miña familia por teléfono, pero non podo ir alá", di unha muller portuguesa, casada en Entrimo.

Na provincia de Ourense hai máis de 200 quilómetros de fronteira con Portugal e un único paso habilitado, é o de Verín, a zona máis poboada.

Noticias web

02/02/2021