A provincia de Ourense afronta a partir da medianoite as restricións máis duras de toda España
As cifras seguen sen mellorar na área sanitaria de Ourense, a que máis incidencia acumula de toda Galicia. Hai 1.494 casos activos, 94 novos nas últimas 24 horas.
Preocupa especialmente a situación nos concellos do Carballiño, O Iirixo e Boborás, onde malia levaren seis días con confinamento perimetral, non se consegue dobregar a curva. "Pode ser porque as medidas aínda non son suficientes ou porque estas medidas non se están cumprindo", aseguraba Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.
Así que, endurécense as restricións. Quedan prohibidas todas as actividades que non sexan consideradas esenciais. Pechan bares e cafeterías; parques, ximnasios e polideportivos; auditorios e bibliotecas; todo o que non sexa escola, centro de saúde ou comercio minorista. "Pois paréceme ben; se ten que ser, que sexa así". "Hai que facerlle caso a quen nos goberna para que estas medidas teñan dunha vez éxito". "Complicado, porque... ¿de que vou vivir agora?". Isto coméntano os veciños.
Ao sur da provincia, restrínxense os desprazamentos en Verín, Oímbra e Vilardevós. "Eu creo que é necesario, estamos preocupados". "Está moi triste isto, estamos igual que en marzo". "Se a xente tivera algo de máis conciencia non estariamos onde estamos, porque o problema deste virus somos nós", opinan algúns cidadáns de Verín.
Preocupa tamén a presión hospitalaria en Ourense, que segue medrando. Seis pacientes con covid−19 foron trasladados a Vigo nas últimas horas para seren tratados alí.