CRTVG

Buscar

A protesta contra o peche de Vestas en Viveiro chega á sede en Dinamarca tras 13 días en bicicleta

Publicado o 17/10/2021 10:07

Alejandro Paleo, traballador de Vestas en Viveiro e ciclista, cubriu os 2.800 quilómetros entre a factoría de Viveiro e a central de Dinamarca en trece días. Algúns con chuvia, outros co vento en contra ou con frío.

Alá, saírono a recibir responsables da multinacional, aínda que faltou o responsable máximo.

"Non estaba Thomas, que estaba nunha viaxe, pero estaban os dous seguintes", aclara Alejandro Paleo, o traballador da empresa de Viveiro que realizou a orixinal protesta.

Xunto cos dous compañeiros que lle deron cobertura no camiño trataron de que a dirección lles puxese cara e coñecese a realidade dos afectados.

"Desafogueime falando. Dixen todo o que pensaba humildemente e de boa maneira. Eles escoitaron, entenden todo pero que son decisións da empresa e non hai moito máis que dicir", explica Alejandro Paleo, empregado de Vestas.

O traballador resta importancia á súa xesta, que considera un esforzo de todos.

"Se chegamos a conseguir algo aquí, dígoo coa man no corazón, é de todos. Do pobo, das familias que están sufrindo e loitando e de todos os traballadores", subliña, Alejandro Paleo, traballador de Vestas. 

Noticias web

17/10/2021