CRTVG

Buscar

A proposta de Rubiales: equipos de preferente e eliminatorias a partido único ata semifinais na Copa

Publicado o 09/04/2019 19:35

O presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, quere darlle unha volta ao sistema de competición dos dous torneos que organiza a Federación. As grandes novidades atopámolas no formato da Copa do Rei. Ata as semifinais disputaríanse eliminatorias a partido único no campo do equipo de inferior categoría. Xogarían a Copa do Rei desde a primeira eliminatoria equipos de preferente, outra novidade no proxecto de Rubiales, terceira, segunda B, segunda A e primeira. Os escenarios dos partidos deberán reunir uns requisitos mínimos, que non transcenderon.

Como xa anunciara Rubiales hai dous meses, a Supercopa de España xogaríana catro equipos, os dous finalistas de Copa e o campión e subcampión de Liga. O torneo disputaríase en xaneiro fóra de España. Os equipos que xoguen a Supercopa incorporaranse á Copa do Rei en dezaseisavos de final.

A Asemblea Xeral Extraordinaria da Federación, que se celebrará a finais deste mes, deberá aprobar este proxecto, que, segundo Rubiales, suporá unha importante descarga de partidos no calendario das vindeiras temporadas.

Noticias web

09/04/2019