CRTVG

Buscar

A proposta da Xunta para as reunións no Nadal: dúas unidades familiares e que os menores de 10 anos non conten

Publicado o 02/12/2020 15:33

Outra das incógnitas cando queda menos dun mes para o Nadal é cal vai ser o protocolo a seguir nestas festas. O Goberno e as comunidades autónomas reúnense esta tarde para acordar medidas.

A Galicia parécelle ben que haxa normas comúns para o Nadal en toda España, pero non tan axiña. A Xunta prefire esperar ás próximas semanas para ver a evolución dos contaxios e decidir.

En calquera caso, a proposta galega para o Consello Interterritorial desta atrde é, en vez de falar de cantas persoas se poden xuntar en Noiteboa ou Nadal, falar de unidades familiares que vivan xuntas e, a partir de aí, non poñer límites.

En caso de falar de número de persoas, o que pide o Goberno galego tamén é que os menores de 10 anos non conten.

"Entendemos que dúas unidades familiares teñen un risco mínimo para xuntarse nunha casa e pasar estas datas, con independencia de cantas persoas conforman a unidade familiar. Xunto con unidades familiares, a nosa proposta é que os nenos menores de 10 anos non conten. Eses son os dous criterios que manexamos con carácter xeral. Imos ver se somos capaces de buscar unha proposta común a nivel nacional no Consello Interterritorial de hoxe ou nos vindeiros que se celebren, porque cremos que é o razonable", dixo hoxe Alberto Núñez Feijóo.

Noticias web

02/12/2020