CRTVG

Buscar

A prohibición das reunións de non conviventes é unha das medidas máis incumpridas

Publicado o 02/11/2020 14:40

Aparentemente todos coñecemos as restricións que, dende o venres, temos que cumprir nas cidades e municipios máis castigados pola pandemia na nosa comunidade. 

A limitación das reunións a persoas coas que se convive afecta máis de 120.000 galegos, pero non todos están dispostos a cumprir esta prohibición. A maioría di seguir a medida, pero outros aseguran que polas condicións en que se atopan resúltalles difícil cumprila.

Espérase que o resultado destas novas medidas se vexa reflectido de maneira positiva nos próximos días, pero non todos confían en que isto suceda, porque a irresponsabilidade dalgunhas persoas non cambia.

En Lugo, durante a fin de semana dúas persoas foron denunciadas por atoparse na rúa sen utilizar máscara e en compañía doutras persoas sen ser convivientes. Tamén se denunciou a outras dúas persoas por fumar nun espazo de uso público sen gardar a distancia de seguridade, mentres que outros catro mozos foron denunciados na tarde do venres por facer un 'botellón', comprobando os axentes que non eran convivientes.

Polo que se refire a Vigo, o alcalde, Abel Caballero, destacou o "alto grao de cumprimento" das medidas, á vez que remarcou o "descenso moi importante do número de denuncias por festas". Segundo o balance achegado, as propostas de sanción, entre o venres as tres da tarde até esta madrugada, foron 15 por incumprimento de mobilidade; outro oito por ir sen máscara; 14 por reunións de persoas non convivientes, trece delas na noite do sábado, e por non atender os horarios de limitación de mobilidade, cinco, o mesmo número de propostas de sanción a establecementos.

1,5% de incumprimentos dos peches perimetrais

As propostas de sanción por incumprir os peches perimetrales implantados o venres para reducir a incidencia do coronavirus situáronse en 585, o que supón un 1,5% do total de controis realizados en persoas e vehículos.

En total, a Garda Civil controlou unhas 27.000 persoas e vehículos, a Policía Nacional superou os 10.000 e a Policía Autonómica alcanzou case os 2.000 controis, situándose en total a cifra en 39.000. Ante estos datos, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que presidiu a reunión, destacou o "alto cumprimento" das normas sanitarias na Comunidade e subliñou o feito de que non se rexistrasen "incidentes reseñables".

Festas en piso

A situación foi, mentres, similar nas urbes galegas en relación ás denuncias impostas desde o toque de queda e o posterior peche perimetral. En Santiago, segundo os datos achegados polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, foron denunciadas nove festas en pisos durante a última semana e unha persoa por incumprir o toque de queda.

Na Coruña, desde o toque de queda cinco persoas foron denunciadas por non levar máscara; 14 por estar na rúa despois das 23.00 horas e outro tres por estar en grupos. Houbo tamén dúas denuncias por atoparse na Coruña persoas non residentes na cidade.

En Pontevedra, a Policía tramitou a fin de semana 11 denuncias a persoas por non levar a máscara e outras 13 por incumprir o toque de queda, así como dous locais por manter reunións con persoas non convivientes. Tamén se denunciou cinco mozos por consumir alcol na vía pública sen respectar as medidas sanitarias.

No caso de Ferrol, as denuncias eleváronse a fin de semana a 17, das que 10 foron por incumprir o horario nocturno; dous por non xustificar o desprazamento e cinco por non usar máscara na vía pública.

Noticias web

02/11/2020