CRTVG

Buscar

A proeza de Adiaratou Iglesias: tres récords galegos en 24 horas

Publicado o 25/11/2019 18:34

A luguesa Adiaratou Iglesias descansa en Lugo despois de pechar a temporada atletica con dúas medallas de prata no campionato do mundo de atletismo adaptado, que se celebrou en Dubai. En apenas 24 horas, Adiaratou bateu tres veces o récord galego absoluto de 200 metros e converteuse na terceira galega da historia en baixar dos 12 segundos nos 100 metros. Adi non ve a meta cando está nos tacos de saída. Con lentes, a súa visión non alcanza o 20 %.

"Vexo cando piso os números, cando chego aquí e piso a meta. A miña idea era coller medalla na miña proba forte, que é o 200. Dáseme mellor. O 100 quédame curto porque a miña saída non é moi reactiva", contou a atleta do Lucus Caixa Rural.

Adiaratou xestiona impecablemente a curva dos 200 metros malia a súa escasa visión. Nunca foi descualificada por pisar os carrís dos lados.

"Eu mesma non sei como fago. É algo mecánico. Deixome levar. Ti adestraste todos os días nunha pista, memorizas. Eu, que son unha persoa con falta de visión, tendo a memorizar as cousas", dixo Iglesias

Adi naceu en Bamako, a capital de Malí, hai 20 anos. Chegou a Lugo cando foi adoptada por Lina Iglesias, unha profesora universitaria que a levou ao seu segundo fogar, o club Lucus Caixa Rural.

"Nunca fixen deporte alí, pero gústame o atletismo desde que recordo. Vino na tele un día e dixen 'eu quero isto'. Ata que vin vivir a Lugo non se cumpriu o soño", asegurou a atleta adestrada por Adolfo Vila.

Coa clasificación para Toquio conseguida, a luguesa loitará o ano que vén pola medalla paralímpica e por baixar dos 24" e achegarse ao récord de España sub-23.

Noticias web

25/11/2019