CRTVG

Buscar

A produción leiteira galega, en máximos históricos

Publicado o 09/07/2020 16:49

O último informe de entregas de leite deixa un novo récord de produción en Galicia. A marca estableceuse con 253 millóns de quilos producidos no mes de maio. O informe do Fondo Español de Garantía Agraria tamén revela que ese leite sae cada vez de menos explotacións.

Esta é unha das maiores explotacións de Galicia e está no concello máis leiteiro. Na SAT Busto Corzón de Mazaricos producen hoxe cinco veces máis leite que cando naceu. Segundo o seu presidente, José Manuel Fernández, en 2008 xuntaron tres explotacións familiares cun millón de quilos de cota, e agora producen cinco millóns ao ano. 

Son reflexo da evolución da produción leiteira galega, que segue medrando. Nos primeiros cinco meses do ano entregaron máis de 1.200 millóns de quilos de leite, case o corenta por cento do total do estado. En maio bateuse unha nova marca de produción mensual e tamén, da outra banda, un mínimo histórico: por pouco, pero baixouse das sete mil explotacións activas en Galicia. "Cada vez hai menos explotacións, pero son máis grandes" di o presidente da SAT.

Producimos máis e mellor leite, pero págase menos: 32 céntimos o litro, arredor dun por baixo da media estatal. Para José Manuel Fernández, o prezo tería que estar, polo menos, en 37 céntimos.

Con máis de novecentas cabezas, aquí non pensan seguir aumentando. O futuro pasa por producir máis co que teñen e, sobre todo, por gañar en calidade de vida.

 

Noticias web

09/07/2020