CRTVG

Buscar

A principal testemuña polo rapto do Pelopincho non comparece

Publicado o 03/10/2019 20:16

Non sabemos o seu nome nin coñecemos a súa cara. A muller de José Bernardo Villaverde leva anos agochada. Este xoves tiña que declarar por videoconferencia dende Bolivia, pero non apareceu. Ela é a única testemuña do suposto rapto do seu home e o seu socio a mans da rede de narcotraficantes coa que traballaban. Ela foi quen denunciou os catro acusados, pero a súa denuncia non serve de nada se non a ratifica ante a xuíza. E é a cuarta vez que falta. O seu testemuño é vital para a Fiscalía. Os avogados defensores queren que a vista continúe sen ela. 

Faustino Seoane, avogado da defensa: "Creo que nalgún momento a sala terá que tomar a decisión de considerar que a testemuña non quere comparecer. Hai un problema e é que a sala non ten xurisdición nun país estranxeiro. Entón podería tomar a decisión de pedirlle a ese país que tome as medidas para forzar a comparecencia da testemuña ou ben que o ministerio fiscal renuncie á comparecencia da testemuña".

Dos catro acusados, tres negáronse a declarar. O único que falou, Manuel Sineiro, negou a súa implicación nos feitos. Lembramos que Villaverde e o seu socio Xose Antonio Pouso, coñecido como Pelopincho, desapareceron en novembro de 2010, despois de perder no mar un alixo de 4 toneladas de haxix.

Segundo declarou a muller de Villaverde ante a policía, catro dos seus socios abordáronos á entrada da súa casa. O fiscal pide 10 anos de cárcere para cada un dos acusados. O xuízo retómase o vindeiro 17 de outubro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019