A primeira volta na Segunda B pecha co Pontevedra preto do ascenso
Na Segunda B pasamos por Pasarón porque o Pontevedra mantén a ilusión por pelexar polo ascenso.Recital granate co filial do Real Madrid como rival. Tres-cero. O Pontevedra ocupa a quinta praza a catro puntos do líder, a dous do segundo clasificado. Aínda non perdeu en Pasarón.
Soe comentarse que para estar na zona alta da clasificación un equipo ten que converter o seu campo nunha fortaleza. Ser fiable na casa. Pois apunten: o Pontevedra pecha a primeira volta invicto en Pasarón e amosou ter pegada arriba con Arruabarrena e Javi Pazos.
Será rival do Pontevedra nesa loita polo play-off a Cultural Leonesa. O mellor visitante da categoría. Tanto que foi o primeiro que marca dous goles no Vao. Gañoulle ao Coruxo nun partido que de córner en córner ía en empate e, por unha mala blocaxe do porteiro Alberto, rompeu a uns dez minutos do final.
Segue en caída o Celta B. Dinámica perigosa, pois dende setembro só gañou un partido. Perdeu no campo do Salmantino, golazos e golazos recibidos, e ollo porque o descenso só está a dous puntos.
Os dous últimos postos da clasificación son para o Rápido e o Fabril. Para salvarse van precisar facer unha segunda volta con puntuación de notable. O Rápido goleou e levaba dous meses sen gañar un partido
O Fabril, que empatou, segue atascado, con 2 puntos dos últimos 12.