CRTVG

Buscar

A primeira máquina expendedora de leite fresco de Galicia ten unha clientela fidelizada

Publicado o 08/08/2019 14:15

Está onda o Novo Mercado da Estrada e, aínda que como esta expendedora de leite fresco hai noutros puntos do país, chámanos a atención por ser a primeira instalada en Galicia.

Dispón de envases, por se non o levas ti e de sistema de prepago ou por moedas para obter leite de vaca.

Detrás, a uns dez quilómetros, está a súa planta de produción. Das vacas da gandería Conde da Xesteira sae o leite que fornece a máquina a disposición dunha clientela diversa, pero moi fidelizada.

Jesús Conde Ares, propietario da gandería Conde da Xesteira di que a expendedora ten "dous grandes grupos de usuarios; parexas novas con fillos e persoas maiores. Máis ou menos ao cincuenta por cento. A clientela foi medrando, pero lentamente. Tampouco é unha bicoca. Teño algún cliente que vai alí buscar un vaso de leite. Bótalle vinte céntimos, dálle ao botón e vai cun vaso de leite de 200 cc".

Jesús di que as vendas a través da expendedora oscilan arredor dos mil litros cada mes. O produto sométese a un proceso de pasteurización. A durabilidade do leite con garantía plena é de seis días manténdoo a catro graos centígrados ou menos. Outra vantaxe do sistema é que reduce a pegada ambiental en canto a envases.

Conde Ares explica que "a máquina dispón de envases de vidro e de plástico reutilizables. As botellas de plástico nosas teñen un lavado doado e pódense encher numerosas veces, cun mínimo de durabilidade dun mes".

Entre os clientes da máquina do leite fresco hai veciños da vila e da zona e en verán tamén moitos visitantes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/08/2019