CRTVG

Buscar

A primeira gran nevarada do inverno complica a circulación e deixa 3.000 alumnos sen clase

Publicado o 01/02/2019 21:45

 

 

O temporal Helena deixa unha morea de incidencias en Galicia. Case tres mil escolares das zonas da montaña de Lugo e Ourense quedaron hoxe sen clase. Houbo retencións e problemas para circular por algunhas estradas por mor da neve. O vento levantou tellados e mesmo deixou ondas de máis de 9 metros. Xardíns e paseos aos que non se puido acceder hoxe na Coruña. Choveu e moito. Tanto que hai zonas anegadas en diferentes puntos da comunidade. Hai ríos desbordados. E houbo numerosas saías de vía. Tamén houbo sarabiadas e tormentas. Case 400 raios caeron na nosa comunidade nas últimas horas.

Na provincia de Ourense estanse a rexistrar importantes nevadas. O principal problema está arestora na autovía das Rías da Baixas, na saída de Galicia cara a Castela.

A neve desta vez foi madrugadora. Os primeiros problemas importantes chegaban ás sete da mañá á autovía A-52 a das Rías Baixas. No alto da Canda, no límite coa provincia de Zamora prohibíase a circulación aos camións e vehículos articulados. Así que, os camioneiros tiveron que parar nas áreas de servizo da Gudiña, de Riós e tamén de Verín

A montaña luguesa continúa en alerta laranxa por nevaradas

A montaña luguesa continúa en alerta laranxa por nevaradas. Nas cotas superiores aos 800 metros acumulouse unha capa de neve duns 20 centímetros de grosor.

Unicamente houbo restricións temporais co tránsito de camións en varios portos de alta montaña e déronse problemas puntuais nas pistas máis inaccesibles por mor da neve, coma nesta de Becerreá.

Debido aos problemas co transporte escolar, en dezasete centros de ensino suspendéronse as clases e noutros dez faltaron alumnos. En total, preto de 1.600 rapaces non puideron acudir ás aulas por mor da neve nun total de 25 concellos da provincia de Lugo.

Na capital luguesa tamén se produciron nevaradas na primeira metade da xornada, aínda que a neve non chegou a callar.

Aviso por neve no interior de Pontevedra
O interior da provincia de Pontevedra está en aviso amarelo por neve por riba dos oitocentos metros. O aviso estará activo ata as nove da mañá deste sábado. Durante o día puidemos ver caer a neve en puntos como Dozón pero con todo, non callou así que non causou problemas. Arestora pódese circular con normalidade pola rede viaria.






 

Noticias web

01/02/2019