CRTVG

Buscar

A primeira folga feminista de España remata con manifestacións masivas nas cidades

Publicado o 09/03/2018 09:20

5,9 millóns de traballadoras españolas, segundo os sindicatos, secundaron onte a Folga Feminista do 8M uníndose maioritariamente aos paros parciais, ou de 24 horas, convocados polas diferentes centrais sindicais. Á tardiña, centos de miles de persoas enchían as prazas e rúas de 200 cidades e vilas, nunhas manifestacións que se converteron nun clamor histórico pola igualdade e nunha decidida protesta contra as brechas de xénero.

A maior manifestación feminista da historia. Así cuafilican xa en moitos medios internacionais o clamor que onte se escoitou en 120 cidades e 80 vilas de toda España. Foron as manifestacións máis multitudinarias das que o movemento feminista convocou internacionalmente para o Día da Muller. 

En Madrid, desde Atocha á Praza de España, a marcha tivo que parar en varias ocasións, desbordada polas columnas de manifestantes que se incorporaban desde as rúas transversais. A Delegación do Goberno reduciu a 170.000 o seu cálculo de participación, que organización e sindicatos elevan a medio millón de persoas. 

As marchas decorreron nun clima festivo, por exemplo, en Barcelona, entre consignas a prol da igualdade salarial e contra a desigualdade de xénero en todas as súas vertentes, a laboral, a discriminación e a violencia sexual. Tamén se escoitaron lemas contra alianza entre o patriarcado e o capitalismo.

Houbo máis de cen mil persoas nas rúas de Sevilla, nunha xornada que comezou coa Televisión Autonómica Canal Sur en negro, pola folga das súas presentadoras.  E Bilbao tamén bailou, entre tambores e cánticos pola Igualdade real, con momentos moi emotivos en lembranza das mulleres asasinadas pola violencia machista.

O paro foi secundado por case seis millóns de traballadoras, cun seguimento máis amplo no sector público, incluído Sanidade e Educación, e na Industria, e moito máis baixo no comercio e a hostalería.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/03/2018