CRTVG

Buscar

A primeira borrasca do outono causa inundacións en Boiro e estragos por todo o país

Publicado o 11/10/2018 14:13

A primeira borrasca do outono chegou a Galicia, e vaia se deixou pegada. Chuvia, vento e tamén estragos. En Lousame foi onde máis auga caeu en todo o país. 

A primeira borrasca do outono en Galicia non pasou desapercibida no concello coruñes de Boiro, un dos máis afectados pola chuvia e a intensidade do vento que pola noite mantivo intranquilos moitos veciños.

"Unha noite bastante movidiña, eu estiven moi intranquila. De feito, como aquí sempre sobe bastante o nivel da auga que me ten chegado ao bordo estiven conectada coa camara da tenda para ver se me entraba. Ás tres da mañá estaba esperta, en tensión e choveu pero moitísimo".

"Bastante mal, esta noite si choveu forte, princialmente vento que era o que aquelaba".
"Sentín un ruido e levanteime e non era vento era chuvia, pero despois deiteime e xa non me decatei de nada máis"

Dos 56 litros por metro cadrado rexistrados desde as 10 da noite ata as 10 da mañá, 11 caeron durante apenas 10 minutos contra as catro da mañá, deixando as maiores incidencias na avenida da Constitución con garaxes anegados, en que os bombeiros interviñeron a primeira hora da mañá, e caídas de árbores nas estradas.

"En Boiro estivemos simplemente pola noite as seis da mañá na limpeza de estrada, mais que de estrada de árbores na estrada que vai de Ribeira a Noia e agora á mañá recibimos unha chamada de que estaba inundado un garaxe na avenida da Constitución aquí en Boiro e agora mesmo estamos traballando nel. Está o garaxe inundado, a planta menos dúas e mais o oco do elevador, que se debeu inundar pola chuvia, e tamén algúns establecementos desta rúa".

Outro dos locais afectados foi esta tenda de informática onde a auga chegou a acadar os sete centímetros de altura.

Óscar Fernández, administrador da tenda afectada: "Pola noite choveu bastante a agora á mañá cando chegamos á tenda pois estaban os bombeiros no garaxe do lado e aquí entrou bastante auga, sobre uns 7 centímetros de altura máis ou menos".

Os efectos desta borrasca deixan a súa pegada tamén nos arredores do cemiterio municipal, onde o vento, que chegou a acadar refachos de preto de 50 quilómetros por hora, dobrou sinais e deixou pólas espalladas pola estrada.

Outras incidencias rexistráronse no concello veciño de Ribeira, onde a chuvia desbordou a rede de sumidoiros de Aguiño.

O Centro de Atención de Emerxencias rexistrou un total de 47 incidencias, a maior parte nas provincias da Coruña e Pontevedra, sen que se producisen danos persoais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2018