CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

A primavera despídese con temperaturas superiores aos 30 graos no sur, e algo máis baixas no norte

Publicado o 18/06/2015 20:54


A primavera está a piques de rematar pero este ano cunha particularidade, xa que foi a mais calorosa dos ultimos 20 anos, algo que se está a notar en toda Galicia, pero con algo máis de intensidade en Ourense.

Hoxe aquí en Ourense foi un día totalmente abafante, en que se chegaron a superar os 34 graos en boa parte da provincia provocado por unha masa de aire procedente de África, que se está a estender por toda a comunidade, xa que durante o día se rexistraron máximas moi similares en todas as localidades. Pero coma case sempre, hai excepcións, e en zonas como a mariña lucense, os termómetros nin superaron nin se agarda que suban dos 21 graos.

A primavera máis calorosa do ano está a piques de rematar, pero deixounos unha chea de imaxes máis ben propias do verán, con areais e parques cheos dende abril. En días coma o de hoxe, foron moitos os que preferiron madrugar para coller sitio na praia e gozar da calor dende ben cedo.

"O sol pódese tomar dende as nove e media prácticamente, levamos máis de media hora e fabuloso". "A esta hora o sol sopórtase ben, se vés máis tarde xa non hai quen aguante coa calor", dinnos na praia.

Pero este día de praia en toda regra non só estivo presente no areal de Samil, hoxe prácticamente todos os galegos viviron un verán anticipado, que continuará ata ben entrada a semana que vén, aínda que no norte, en zonas costeiras da Coruña e Lugo, a situación foi máis fresca do normal, con apenas 20 graos.

"Estamos acostumados a ter temperaturas medio baixas, máis que medias altas". "Eu prefiro os vinte de aquí antes que os 30 de alí". "Eu son máis de fresco, a min tanta calor non me gusta, para unhas vacacións sí, pero...", coméntannos na rúa.

Ata alí non chegou a masa de aire quente que se expande arestora polo resto da comunidade, pero semella que os do norte están máis contentos co fresco.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí