CRTVG

Buscar

A prevención e a detección precoz do cancro de mama poden salvar vidas

Publicado o 19/10/2021 11:20

A xornada de hoxe tínguese de cor rosa. É o día do cancro de mama, o que máis mulleres mata, pero tamén a que ten unha taxa de supervivencia que roza o 90 %. A investigación é moi importante pero o fundamental é un diagnóstico rápido.

Os especialistas din que hai que acostumarse a palpar o peito para detectar calquera anomalia. O diagnóstico precoz axuda a mitigar, en gran parte, todo o proceso. É moi importante manter un estilo de vida saudable. Estes son algúns dos consellos que os expertos queren lembrar con motivo do Día Internacional do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro.

É o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais, con máis de 33.000 novos casos diagnosticados cada ano. De feito, unha de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida. Aconséllase que a partir dos 20 anos se faga mensualmente unha autoexploración para ver se hai algún cambio nas mamas e acudir ao médico. 

A taxa de supervivencia é cada vez maior e actualmente supera o noventa por cento a un prazo de cinco anos. Algo que se debe, segundo os oncólogos, á diagnose precoz e á mellora nos tratamentos. Máis de 6.000 mulleres faleceron en España este ano por cancro de mama. A prevención e a investigación son, segundo os oncólogos, a clave para facerlle fronte a esta enfermidade.

 

Noticias web

19/10/2021