A presidenta da ANC salienta que os actos violentos "fan visible o conflito" catalán a nivel internacional
A presidenta da ANC, Elisenda Paluzie, considerou este luns que os altercados violentos ocorridos en Cataluña por mor das protestas pola sentenza do Tribunal Supremo aos líderes independentistas "fan visible o conflito" catalán no mundo.
Nunha entrevista de TV3 recollida por Europa Press, Paluzie valorou: "Son estes incidentes os que fan que esteamos na prensa internacional de maneira continuada estes días, é dicir, que fan visible o conflito". Asegurou que a principal responsable é "a violencia do Estado", que condenou un movemento pacífico e democrático a penas de cárcere. Sobre se os disturbios restan apoio ao movemento independentismo, Paluzie dixo que de momento as enquisas en relación ás eleccións do 10 N "non o indican".
Concentración dos CDR na estación de Sants
Esta é a última protesta contra a sentenza do procés. Os CDR querían paralizar a estación de tren de Sants, en Barcelona, pero non o están conseguindo. Previamente restrinxírase o acceso. Os viaxeiros están tendo dificultades para entrar e saír polos escasos corredores habilitados para facelo, e que están controlados polos Mossos d´Esquadra e polo servizo de seguridade da estación.