CRTVG

Buscar

A presenza de 'okupas' nunha vivenda de Ventín preocupa os veciños de Palmeira

Publicado o 05/06/2020 14:35

Hai preocupación no concello de Ribeira ante un problema que xa non se limita ás cidades: o da ocupación ilegal de vivendas. Na zona de Palmeira xa hai algún exemplo.

Hoxe falamos dunha vivenda ocupada ilegalmente que está lixeiramente afastada da estrada comarcal. Situada ao fondo dunha pista, a entrada dos okupas pasou en principio inadvertida para os veciños.

Trátase dunha ampla parcela cunha casa ao fondo agora ocupada por un matrimonio e seus dous fillos menores. Malia que non quixeron facer declararcións ante a cámara, o cabeza de familia asegurou que as circunstancias o obrigaron a ocupar esta casa, que xa coñecía posto que pasa para recoller chatarra pola zona en moitas ocasións.

Tampouco quixeron falar á camara os propietarios legais da vivenda, moi afectados pola situación. Aseguran que a parcela estaba pechada e contaba cun sistema de vixilancia que os okupas desactivaron. Están á espera de que a denuncia presentada siga o seu curso para proceder ao desaloxo e recuperar a propiedade, malia que temen polo que tiñan no interior.

A noticia desta ocupación espertou a preocupación entre os veciños da parrroquia de Palmeira, temerosos de que se produza un efecto chamada.

Palmeira é unha parroquia con moitos veciños na emigración. Desde que se ocupou a parcela de Ventín, os que quedan están pendentes de que as vivendas baleiras non sexan ocupadas.

Esperan que este caso se resolva o antes posible e recuperar a tranquilidade na parroquia.

Noticias web

05/06/2020