CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

A prescrición xeneralizada de psicofármacos, a debate en Santiago

Publicado o 14/05/2016 21:28

A prescrición xeneralizada de psicofármacos estivo a debate hoxe en Santiago. A Universidade invitou a Robert Whitaker, un xornalista experto en temas médicos que cuestiona o uso prolongado de drogas psiquiátricas. Sostén que a ciencia nos está a demandar un cambio na maneria de tratar as enfermidades mentais.

Este finalista do premio Pulitzer engancha o público da Universidade de Santiago co humor, e logo pasa a analizar un tema serio: a prescrición de psicofármacos, que encontra desaforada.

"A historia da medicina dinos que hai moitos tipos de terapias que son útiles nun momento dado, e máis tarde as evidencias científicas demostran que non eran tan estupendas".

Robert Whitaker notou algo: a produción de drogas psiquiátricas crecía e crecía, pero as enfermidades mentais non deixaban de crecer. Por iso escribiu este premiado libro que cuestiona que, despois de medio século, aínda se entendan as pílulas como 'balas máxicas'.

"Non é unha crítica directa contra a utilización de psicofármacos, senón un cuestionamento sobre a utilización de psicofármacos por defecto e no longo prazo".

Whitaker cita estudos coma o elaborado con pacientes de esquizofrenia de nove países.

"Tres países pobres e seis países ricos. En dúas das ocasións os países pobres tiveron mellores resultados, e non usaban as drogas por tempo longo".

Sostén que habería que tratar de usar as drogas por menos tempo e dun modo máis selectivo.

"A ciencia está dicindo: temos que cambiar as nosas ideas sobre como usar estas drogas e sobre cal é o mellor método para tratar estas enfermidades".

Cita casos de nenos medicados dende unha idade temperá para mover á reflexión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí