CRTVG

Buscar

A prensa portuguesa faise eco do curso de portugués desenvolvido nas redes sociais da TVG

Publicado o 30/03/2018 21:42

Xa lles amosamos aquí o curso de portugués que estamos a desenvolver nas redes sociais da Televisión de Galicia a propósito da serie 'Morangos con açucar' que emite todas as tardes a G2. Agora, a prensa portuguesa aplaude a iniciativa e faise eco dela amosándollela aos seus lectores. 

O paseo de Joao Simoes, esa caricatura de novo rico portugués, polo país veciño lonxe de provocar un conflito diplomático foi acollido con bo humor pola televisión de alí.

Arestora acollemos na nosa unha veterana serie xuvenil deles que por primeira vez se emite en portugués con subtítulos en galego. Por se os subtítulos corresen demasiado ou houbese algunha cousiña que non se pillase, nas redes sociais da TVG ofrécese, sen certificado oficial, si, pero completamente de balde, un curso online para poder seguir a serie a pelo.

Comezando  polo máis básico, complicándoo para librarnos de máis dun malentendido e sorprendéndonos coas trampas da língua coas que poderiamos quedar fatal.

A iniciativa, a partes iguais lúdica, diplomática e formativa seica foi ben recibida pola prensa lusa. Poden apostar a que a boa acollida entre os veciños servirá para aumentar os alumnos galegos. Se hai uns anos aquel famosísimo profesor Maurer presumía de aprendernos o inglés con 1.000 palabras, a Carlos Amado, antiga estrela dos informativos e o entretemento, sóbranlle 900 para facernos falar como o mesmísimo Pessoa. Próxima entrega nas nosas redes sociais.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/03/2018