CRTVG

Buscar

A praia dos Franceses da Veiga, un areal na montaña de Ourense

Publicado o 23/07/2019 21:31

E nestes días de calor e altas temperaturas atopamos lonxe da costa un lugar no interior de Galicia que pouco ou nada ten que envexar a calquera dos areais do noso litoral. Trátase da praia dos Franceses, no concello ourensán da Veiga. A case mil metros de altitude e rodeados de natureza, veciños e visitantes gozan dun dos lugares máis singulares da provincia.

Quen pense que as praias só podemos atopalas no noso litoral está claro que non coñece este lugar. Aquí, a carón de Trevinca e aos pés do encoro de Prada, a praia dos Franceses ofrece preto de 800 metros de areal.

Os veciños debátense entre presumir deste lugar privilexiado en plena natureza ou gardar o segredo, conscientes de que a súa praia fluvial en pouco se asemella ás do resto de Galicia.

Din que é, precisamente, o mes de xullo a mellor época do ano para gozar sen aglomeracións desta praia, que toma o seu nome dos emigrantes franceses que a visitaban nas vacacións de verán.

Aquí praia non é sinónimo de auga salgada, senón de tranquilidade, natureza e paisaxe, e ademais poden bañarse a case mil metros de altitude. E todo, no teito de Galicia.





 

Noticias web

23/07/2019