CRTVG

Buscar

A posición dos nacionalistas e do PP deixa no aire a prórroga do estado de alarma

Publicado o 03/05/2020 21:42

A continuidade do estado de alarma pende dun fío, como constatou hoxe Pedro Sánchez no encontro telemático cos presidentes autonómicos. Só encontrou apoio entre oss baróns socialistas.

Quim Torra foi o máis contundente. Transcendeu que está en contra por partida dobre; tanto de prolongar o estado de alarma como da xestión conxunta da desescalada. Pide directamente que a Generalitat teña capacidade para adoptar as súas propias medidas. Junts per Catalunya volverá votar en contra da prórroga do estado de alarma e o mesmo fará Esquerra Republicana.

Desde o País Vasco, o lehendakari Iñigo Urkullu tamén está disposto a plantarse nesta ocasión. Amosouse a favor do retorno á normalidade institucional e normativa.

Os presidentes autonómicos do PP amosaron o desacordo coa ampliación do estado de alarma, pero con máis matices. Hai consenso en que non debería prolongrase mais aló de maio, pero a posición non parece pechada totalmentede en relación á votación do mércores. O presidente da Xunta andaluza, Juanma Moreno, apostaba polo diálogo co Goberno, pero tamén por superar o estado de alarma o antes posible.

Entre os presidentes socialistas non hai reticencias con respecto á proposta de Sánchez e ven difícil un "plan B". O que si salientaron é que desde hoxe non só sairá reforzada a xestión conxunta da desescalada, senón tamén a bilateralidade en función das particularidades de cada territorio. Todo quedará despexado o mércores no Congreso e, tal como están as posicións, os votos do PP e de Ciudadanos son a maior incógnita.

Noticias web

03/05/2020