CRTVG

Buscar

A policía venezolana impide o acceso dos deputados á Asemblea Nacional

Publicado o 15/05/2019 08:26

Máxima tensión en Venezuela despois de que onte a policía impedise o acceso dos deputados á Asemblea Nacional e á celebración da sesión habitual. Os militares alegaron que existía unha ameaza de bomba, pero o presidente da Cámara, Juan Guaidó, asegurou que foi un engano para pechar o Parlamento e que hoxe volverán intentar abrilo. 

A oposición venezolana denunciou o que chamou a estratexia do chavismo para paralizar a Asemblea Nacional. Un cento de axentes da policía rodearon a cámara, mentres funcionarios antiexplosivos do Servizo Bolivariano de Intelixencia buscaban un suposto artefacto que, segundo circulou por Interntet, estaba colocado dentro das instalacións.

O presidente da Asemblea Nacional, Juan Guaidó, denunciou que o chavismo quere pechar a única instancia lexitimamente recoñecida pola comunidade internacional, dixo, e asegurou que hoxe van celebrar a sesión como e onde sexa.

"Imos celebrar sesión, imos insistir en chegar ao Palacio Federal (Lexislativo) e se temos que celebrar sesión na rúa, farémolo, pero o Palacio Federal correspóndelle ao Parlamento. O Palacio Federal correspóndelle ao Parlamento", dixo Guaidó.

Mentres isto sucedía na Asemblea Nacional, na oficialista Asemblea Constituínte levantábanlle a inmunidade a outros cinco deputados pola súa suposta implicación no alzamento militar do 30 de abril.

Mentres, os Estados Unidos mételle presión a Rusia para que deixe de apoiar a Maduro. O secretario de Estado, Mike Pompeo, pediulle ao seu homólogo ruso que cese o apoio ao presidente, pero Serguéi Lavrov rexeitouno tallantemente. Dixo o chanceler ruso que é Venezuela quen debe decidir o seu futuro e que debe haber diálogo.

Nas últimas horas, a organización Amnistía Internacional volvía pedir que a Corte Penal Internacional investigue crimes cometidos, din, polo réxime de Maduro. 

"Concluímos que en Venezuela houbo crimes de lesa humanidade", explicou Erika Guevara-Rosas, directora de Amnistía Internacional para as Américas.

Segundo a investigación realizada por Amnistía Internacional a principios de ano, entre o 21 e o 25 de xaneiro, 47 persoas morreron durante as protestas contra Maduro, 33 delas asasinadas, asegura esta organización, polas forzas do Estado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/05/2019