CRTVG

Buscar

A policía rescata un septuaxenario que levaba dous días tirado no chan do seu domicilio en Lugo

Publicado o 06/02/2020 14:38

Foi no primeiro andar dun edificio da rúa Illa de Man, en Lugo, onde un septuaxenario estivo dous días tirado no chan do seu domicilio sen poderse mover e, por tanto, sen comer, beber nin facer as súas necesidades. O home, que ten problemas de mobilidade e unha man amputada, caeu e quedou con parte do corpo debaixo da súa cama. Foi a dona da tenda da esquina a que se decatou de que algo lle acontecera, despois de que non se presentara recoller unha empanada que tiña encargada e tampouco atendera o teléfono.

"Timbrei e non me contestou. E tampouco cando volvín á noite. Deume mala espiña e díxenlle ao meu marido que seguramente lle pasara algo a Xesús".

O ancián está agora ingresado no hospital de Lugo para repoñerse das secuelas que lle deixaron os dous días que pasou tirado no chan. Sen dúbida, a persistencia da tendeira foi clave para salvarlle a vida, xa que non ten parentes que vivan preto del e case nunca recibe visitas. Os efectivos da Policía Local que acudiron ao lugar tiveron que forzar a porta de entrada para poder auxiliar o home despois de que unha veciña se achegara á porta e o sentira berrar.

"A veciña sentiuno berrar e xa veu a policía, os bombeiros e o 061. Xa digo que era raro que non viñera porque sempre insiste en que lle teñamos as cousas listas".

Nesta zona de Lugo hai, segundo os veciños, numerosas persoas maiores que viven soas, polo que non se desbota que poidan volver producirse feitos similares.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2020