CRTVG

Buscar

A policía reforza a súa presenza no centro de Lugo ante os últimos altercados

Publicado o 08/10/2020 13:57

A policía reforzou a súa presenza no centro de Lugo, en resposta aos últimos incidentes rexistrados nas rúas do recinto histórico. Foi o caso da agresión a un pai na Praza Maior ou do intento de asalto ao Círculo das Artes, ambos os dous esta mesma semana.

Nunhas imaxes gravadas pódese apreciar a violencia coa que un mozo reacciona ao tratar de acceder ao edificio. Ademais de lesionar un conserxe, que trata de impedirlle o paso, o agresor rompeu un testo de mármore. Horas despois, o mesmo individuo asaltou unha clínica en San Marcos, polo que foi enviado a prisión.

Margarita López, membro da directiva do Círculo das Artes de Lugo: "Nesas imaxes que gravaron as cámaras de seguridade vese que unha persoa totalmente enfurecida empeza a golpear o mobiliario do Círculo, un edificio histórico que é un ben de interese cultural, ata tal punto que rompeu un dos elementos de mármore que había na entrada. E protagonizou tamén unha especie de forcexo cun dos traballadores, ao que lle ocasionou unha lesión nun pulso".

Luis Latorre, presidente da asociación de empresarios Lugo Monumental: "Hai certa agresividade e a xente si que é verdade que está moi preocupada. Co que pasou no Círculo das Artes é máis que patente, xa que agrediron un empregado e desprazaron un elemento histórico. Son cousas que non poden pasar, polo que vai haber que tomar medidas. Nós sempre fomos moi partidarios de dar unha mensaxe tranquilizadora, pero chega un momento en que esa mensaxe xa está cuestionada e que haberá que tomar medidas dalgún tipo".

Para evitar que se produzan novos altercados no recinto histórico da cidade, as forzas policiais incrementaron a vixilancia na zona. Tanto en coche como a pé, os axentes desenvolveron un dispositivo especial de maneira conxunta.

Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "Estamos incrementando a presenza policial, tanto pola nosa banda como por parte da Policía Local e tanto en vehículo como a pé. De feito, na tarde de onte fíxose unha operación conxunta no fondo da praza Maior, onde se puido corroborar que as persoas identificadas, a gran maioría menores, non portaban ningún tipo de arma nin de substancia estupefaciente".

Dende a comisaría de Lugo animan ademais a que tanto veciños coma negocios denuncien os feitos delitivos que se produzan na zona.

Noticias web

08/10/2020