CRTVG

Buscar

Alarma en Portugal, onde os incendios avanzan tras deixar 30 feridos e varias vivendas arrasadas

Publicado o 21/07/2019 23:10

En Portugal, a policía investiga os incendios que desde onte ao mediodía calcinaron xa 8.500 hectáreas de monte e deixaron 30 feridos, un deles grave. As lapas empezaron en cinco focos simultaneamente e a pouca distancia entre si, o que fai pensar que foron intencionados.

A ameaza do lume mantívose toda a noite e aínda segue, tras iniciarse pouco despois do mediodía de onte. A secura da atmosfera, a forza do vento e a propia orografía accidentada da provincia de Castelo Branco actuaban coma os mellores aliados das lapas. Fiel á súa cita co verán portugués, este incendio calcinou xa 8.500 hectáreas, tras declararse asemade en cinco focos a pouca distancia un do outro, algo que non deixa de causar estrañeza.

Dixo o ministro do Interior, Eduardo Cabrita: "Esa estrañeza foi desde o inicio transmitida quer polos bombeiros, quer polos autarcas. As entidades con comptencia están a investigar".

Houbo que atender 30 feridos, un deles aínda ingresado con prognóstico reservado. E, en paralelo ás pescudas da policía xudiciaria, traballan na extinción das lapas preto de oitocentos efectivos, que moven 25O medios terrestres e outros catorce helicópteros e avionetas. Os veciños falan de escaseza de recursos, e só un dos incendios, en Vila de Rei, está a piques de ser dominado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/07/2019