A Policía Nacional pide a colaboración cidadá no caso da desaparición da coruñesa Lorena Piteira
Lorena Piteira Espinosa leva catro anos desaparecida. O último contacto da familia con esta coruñesa foi en novembro de 2016, daquela a moza estaba na cidade de Lugo. Esta é unha das pistas que segue a Policía Nacional para dar co seu paradoiro, pero non a única.
Tras meses de investigación apareceron novas pistas que situaban a muller en Santiago de Compostela e en Camariñas. Movementos que se rexistraron tamén no mes de novembro, pero dous anos despois, no 2018. Dende entón nada se sabe de Lorena.
Agora a policía volve a reactivar o caso e pide a colaboración dos cidadáns para dar co seu paradoiro. Lorena Piteira ten pelo liso e castaño, é de constitución delgada e mide 1,55. O seu caso está activo a través da base de busca do Centro Nacional de Desaparecidos e na base de datos da comisaría xeral da Policía Xudicial da Policía Nacional.