CRTVG

Buscar

A Policía Nacional intervén unha pelexa de galos con 200 participantes

Publicado o 16/02/2020 12:19

A Policía Nacional e a Unidade de Policía adscrita á Xunta de Andalucía interviñeron nunha pelexa de galos que se celebraba no Porto de Santa María, en Cádiz, con preto de 200 participantes entre donos dos animais, apostantes, afeccionados e vendedores de produtos relacionados cos animais. Durante a operación localizaron os corpos sen vida de catro galos, outros oito presentaban feridas graves e lesións. Tamén se incoaron 34 actas por infracción administrativa á normativa de seguridade cidadá por consumo ou tenza de drogas en establecemento público, portar armas prohibidas ou desobediencia.

Agora investíganse os responsables da organización destas pelexas como presuntos autores de delitos relativos á protección da flora, a fauna e os animais domésticos. Os asistentes procedían de Andalucía e das illas Baleares. A operación comezou cando axentes da comisaría do Porto tiveron coñecemento dun campionato que se celebraría os días 8 e 9 de febreiro e no que, presuntamente, se realizarían apostas, cousa que prohibe a normativa reguladora da materia. Ademais da Unidade Adscrita participaron inspectores da Consellería de Agricultura, Gandería, Pesca e Desenvolvemento Sostible e axentes de diversas unidades policiais de seguridade cidadá.


 

Noticias web

16/02/2020