CRTVG

Buscar

A Policía Nacional inmobiliza 25 toneladas de ameixa ilegal en Vigo e Guetaria

Publicado o 21/12/2019 14:21

A proximidade das datas do Nadal fai que agromen tamén os casos relacionado co marisco ilegal que entra en Galicia procedente de Portugal

Unha operación da Policía Nacional, denominada "Clamp", incluíu tres rexistros en viveiros de Vigo e logrou inmobilizar nas últimas semanas 16 toneladas de ameixa ilegal procedente de terras portuguesas. No que vai de ano incautáronse 25 toneladas de ameixa dentro da mesma ooperación.

Tres rexistros en viveiros de Vigo e un na localidade guipuscoana de Guetaria poropiciaron a incautación de 16.000 quilos de ameixa ilegal procedente de Portugal desde novembro. Esta operación, denominada Clamp, foi liderada pola Policía Nacional, e contou coa colaboración da Policía Marítima de Lisboa, que persegue as mafias lusas relacionadas co marisqueo ilegal. Estas organizacións capturan a amexa sobre todo no esteiro do río Taxo, na área lisboeta, unha zona contaminada e vedada ao marisqueo.

 "Estas ameixas eran capturadas en augas ilegais, non pasaban ningún tipo de control sanitario e ademais estas augas estaban contaminadas. Polo tanto, podémonos facer á idea dos problemas de saúde que podía causar o seu consumo", sinalou Elisa Rebolo, voceira da Policía Nacional.

Na operación foron detidas dúas persoas en Portugal. Desde os viveiros vigueses, a ameixa non só se distribuía en Galicia, senón que a tranportaban en furgonetas propias a outras comunidades autónomas e unha boa parte ía destinada a diversos países da Unión Europea. "Os detidos formaban parte desta organización que capturaba estas ameixas en augas ilegais de Portugal e as transportaba posteriormente a países de toda Europa para o seu consumo final", explicou Elisa Rebolo.

Os viveiros galegos son o destino intermedio dun entramado que ten a súa raíz nas mafias portuguesas do marisqueo ilegal. Estas adoitan empregarar inmigrantes sen recursos, que normalmente reciben uns tres euros por cada quilo de ameixas en orixe.

Noticias web

21/12/2019