A Policía Nacional desaloxa un bar de Lugo
Pasaban das dúas da madrugada cando a Policía Nacional chegaba a este local de Lugo aberto fóra do horario establecido. Os que estaban ás portas fuxiron, pero no seu interior os axentes atoparon numerosas persoas, por encima da ocupación permitida, e a maior parte delas sen a máscara de seguridade obrigatoria.
"Isto é responsabilidade de todos. Hai tres factores para que as cousas non vaian ben. Primeiro, un local que abre fóra de horario; segundo, unha clientela que acode e terceiro, unha Administración que non vixía", sinala Luis Latorre, presidente da Asociación Lugo Monumental.
No interior do local tamén había xente fumando e mesmo usaban a barra, algo prohibido en Lugo, que leva máis dun mes con restricións.
Dende a Asociación de Hostaleiros din que o 99% dos locais cumpren e denuncian a mala imaxe que se dá do sector por culpa duns poucos, para os que piden sancións exemplarizantes.
"Non hai dereito que nos confinen a todos por culpa de catro ou cinco. Contra eles hai que actuar dunha forma moi contundente, dende multas ata retiradas de licenzas ou a clausura do establecemento", sinala Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo.
Nas últimas semanas a policía xa tivo que intervir noutros establecementos da cidade por incumprir as normas e nos que se acabaron xerando pequenos gromos.